Xunta de Galicia Secretaría Xeral para o Deporte

Deporte para toda a vida

Novas

09.03.2010

Concello e Xunta expoñen o seu compromiso de converter O Porriño no centro de referencia do ciclismo en Galicia

O campo do Lourambal 2, o do CD Pontellas e o velódromo municipal compuxeron a visita de José Ramón Lete, acompañado de alcalde e concelleiros, que concluíu cunha xuntanza cos diferentes clubs porriñeses

Imprimir Atrás

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitou esta tarde o estado de diferentes instalacións deportivas do Porriño acompañado do alcalde Nelson Santos, os tenentes de alcalde Manuel Carrera e Marcelino Coto e o concelleiro de Deportes Alejandro Lorenzo. Ademais, mantiveron unha xuntanza con todos os clubs do concello para coñecer de primeira man as súas dificultades, necesidades e demandas centradas basicamente en cuestións económicas e de mellora das instalacións.
José Ramón Lete comprobou a situación actual das obras do Lourambal 2, nas que Xunta e Concello teñen investido 745.000 euros. Trátase dun campo anexo ao de herba natural que conta cun terreo de xogo sofisticado, único na provincia de Pontevedra, composto por un sistema de caucho e herba sintética, de características e prestacións tan óptimas como calquera outro de herba natural.
Por outra banda, visitaron tamén o campo do Club Deportivo Pontellas, do cal se está a estudar a instalación de herba artificial.

Reactivación do velódromo municipal
O velódromo municipal foi outro dos puntos da visita. O presidente do Club Ciclista Spol Caixanova, Horacio Barros, expuxo a necesidade de construír unha pista de rodadura de catro metros de ancho, ademais de cubrir as gradas para evitar os actuais problemas de filtracións que provocan o deterioro das instalacións interiores.
Concello e Xunta coincidiron na necesidade de reactivar o velódromo municipal, único en Galicia, para convertilo no epicentro do ciclismo na Comunidade. Ademais, José Ramón Lete asegurou ter previsto algún proxecto complementario e alternativo, apostando polo deporte de base, sendo tamén sede do equipo ciclista galego.

 

Galería de fotos

Vistas:  795

© Secretaría Xeral para o Deporte - Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 601 Fax: 981 542 636