11.03.2010
José Ramón Lete destacou o importante traballo de canteira da Federación Galega de Atletismo
O secretario xeral para o Deporte calificou de excelente os resultados obtidos polos atletas galegos nos diferentes campionatos de España de pista cuberta e de campo a través que se disputaron nos últimos meses. José Ramón Lete recibiu hoxe aos atletas que subiron aos podios nacionais.
O atletismo galego logrou 67 medallas nos campionatos de España, o que demostra o potencial que atravesa este deporte na nosa comunidade. “Son uns resultados como consecuencia do bo traballo que se está realizando en todas as categorías”, explicou José Ramón Lete que fixo fincapé que moitas das medallas obtidas foron nos campionatos de canteira que “demostra que temos un excelente futuro por diante, polo que debemos apostar decididamente”.
Na recepción participaron a maioría dos atletas que subiron ao podio dos campionatos de España cos que estivo dialogando o secretario xeral para o Deporte, que estivo acompañado polo presidente da Federación Galega, Isidoro Hornillos.
Das 67 medallas conseguidas, 28 foron obtidas no campionato de veteranos (13 de ouro, oito de prata e sete de bronce), mentres que o júnior de pista cuberta a expedición da nosa comunidade sumou catro preseas, dúas de ouro e outras tantas de bronce; no cadete logrou sete medallas. No Nacional promesa os galegos conseguiron seis medallas e no de marcha en ruta o botín foi de tres preseas.
O secretario xeral para o Deporte destacou as cinco medallas conseguidas no Campionato de España absoluto no que Marta Fernández volveu colgarse unha medalla nunha cita nacional, onde o mozo Jean Marie Okutu logrou a medalla de prata en salto de lonxitude.
Durante a recepción José Ramón Lete Lasa vinculou os éxitos do atletismo galego ao gran momento que atravesa o deporte en xeral na nosa rexión. “Os triunfos en citas nacionais de diferentes deportes son habituais. Somos unha referencia en disciplinas como o taekwondo, o ciclismo, o balonmán e tamén o atletismo. O noso deporte ten unha gran saúde e debemos traballar para que a siga tendo”.
O presidente da Federación Galega aproveitou a recepción ofrecida polo secretario xeral para o Deporte para agradecer as políticas deportivas da Xunta de Galicia e a proximidade coas federacións nun momento delicado pola situación económica.
Vistas: 849
© Secretaría Xeral para o Deporte - Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 601 Fax: 981 542 636