Xunta de Galicia Secretaría Xeral para o Deporte

Deporte para toda a vida

Novas

11.03.2010

Vela >> As tres tripulacións galegas de Match Race Femenino pasan á semifinal de Campionato de España

Cameselle, Echegoyen e Azón, son segunda, terceira e cuarta na clasificación, tras unha primeira volta na que Silvia Roca se mostrou intratable

Imprimir Atrás

Tras completar o Round Robin desta primeira fase do Campionato de España polo que loitan os mellores equipos femininos de Match Race, e que ata o próximo sábado acolle a baía santanderina, as catro tripulacións á cabeza pasaron xa a semifinais. En liza mantéñense os tres equipos da selección galega de Vela Caixanova, con Marga Cameselle, Tamara Echegoyen e Sandra Azón como patroas. A xornada de hoxe deixa un xiro nas clasificacións, se ben non é máis que unha mostra de que o nivel está moi igualado.

    Coincidindo co inicio de probas de hoxe, a campioa do Circuíto Nacional de Match Race do ano pasado, a pontevedresa Tamara Echegoyen, tomaba o relevo do liderado co que partía a preolímpica Marga Cameselle, quen se aferrou a unha segunda praza; mentres que a catalá Silvia Roca e a galega Sandra Azón, defendían mutuamente as súas posicións da xornada inaugural, cun terceiro e un cuarto respectivamente.

Xa en semifinais se puido completar unha volta de tres, tras a eliminación das tres tripulacións que non conseguiron dar o nivel na primeira etapa. Así, tras un duro enfrontamento, posto que as condicións de vento foron moi variables, con mínimas de 6 nós e máximas de 14, Rocha, membro do equipo olímpico e a que máis regatas internacionais acumula, acompañada pola tamén galega Lara Cacabelos, demostrou o seu amplo coñecemento da zona e o campo de regatas, no que leva adestrando xa tres anos. A catalá, e principal rival a bater, gañou nos seus tres enfrontamentos aos equipos desprazados pola Federación Galega de Vela. Pola súa banda o equipo de Marga Cameselle, Sofía Basterra e Esperanza Barreiras, lograba impoñerse ao de Tamara Echegoyen, Sofía Touro e Ángela Pumariega. E dende a cuarta praza parten mañá Sandra Azón, Graciela Pisonero e Amalia Calviño.

    Cando restan seis encontros para completar esta segunda fase e dar o paso á final, non hai nada decidido. Os ánimos das galegas mantéñense intactos, posto que, tal e como aseguran, o nivel é alto. Así, con opcións de sobra ao podio que as distinguirá como campioas e subcampionas estatais da clase, postos que supoñen os dous pasaportes directos para acudir ao Trofeo SAR Princesa Sofía Mapfre, un dos eventos puntuables para a selección do equipo preolímpico desta modalidade, con opcións a representar a España nos JJ.OO de Londres en caso de que se consiga praza, haberá que esperar que depara a xornada de mañá.

Fuente:  Federación Galega de Vela

Vistas:  820

© Secretaría Xeral para o Deporte - Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 601 Fax: 981 542 636