Xunta de Galicia Secretaría Xeral para o Deporte

Deporte para toda a vida

Novas

27.07.2010

Vela >> As viguesas Laura e Lucía Llopis volven a España como Campioas do Mundo de Vaurien Femenino

Impecables teñen estado no seu paso por Eslovaquia onde tamén conseguiron o subcampionato do mundo na categoría xuvenil

Imprimir Atrás

Eslovaquia deixou patente a superioridade dos equipos galegos de Vaurien. Desprazados a semana pasada para disputar o mundial da categoría que concluía este fin de semana en Liptovska Mara, as condicións meteorolóxicas foron as grandes protagonistas, con mangas anuladas ou recortadas sen que se puidesen completar na súa totalidade, posto que vento non superou os 3 nós ata a última xornada.

A pesar destes inconvenientes, o campionato do Mundo de Vaurien feminino fala galego. As irmás do Real Club Náutico de Vigo, Laura e Lucía Llopis volven a España coroados tras un dobre ben merecido, posto que tamén se colgaron a prata na categoría xuvenil. Estiveron impecables, a súa participación foi espectacular, moi superior ao resto dos que participabamos na cita", deste modo valoraba Pablo Caballo, actual Campión de España da categoría, o papel desempeñado por estas regatistas.

O seguinte mellor resultado da delegación galega correspondeu aos irmáns Jaime e Alfonso Leirós, do Real Club Náutico de Sanxenxo, quintos finalmente a raíz dun descualificado na última xornada debido a unha colisión cun barco italiano, cando eran claramente terceiros neste Campionato. Pola súa banda, os vigueses Pablo Cabello e Javier Lago, finalizaban na sétima praza, a causa do 14 que asinaron na primeira proba do último día, posto que durante a cita mantiveron a pelexa entre os catro primeiros postos.

As campioas de España, Orballo Fernández e Carlota Comesaña, do Club Náutico de Rodeira marcáronse finalmente un posto 23, polo que non estivo moi acertado en Liptovska Mara, se ben se quedaron a unha praza do podio na categoría feminina na que son cuartas do mundo, e sextas júnior. Frouxos tamén Antonio Pérez e Iría Eguía, de Náutico de Vigo, se ben a décimo quinta praza de entre unha frota de 58 barcos non foi un mal posto. Completan a clasificación galega, Pablo Iglesias e Jacobo Pérez, dende a praza 26; Helena Pérez e Ana Santirso, tamén do Náutico de Vigo, dende a 29, sétimas do mundo na clase feminina, novenas en júnior; e as canguesas Violeta Martínez e Beatriz Martínez dende a 25, sextas femininas e oitavas júnior.

En palabras de Pablo Cabello, "ou non había mundial ou acatabamos as regras do xogo. As condicións non eran nin de lonxe as propicias, e ningún de nós, a excepción das irmás Llopis que se mostraron intratables nas probas, ocupamos as prazas ás que normalmente aspiramos. Foi duro e complicado, vimos como cando tiñamos os mellores postos as mangas eran anuladas, en definitiva un despropósito, pero estamos contentos. Foi unha regata de moito nivel, o cambio de velas callou e entre as unidades en competición había moitos equipos moi bos".

Campionato do mundo de Láser Radial Xuvenil
O domingo finalizaba tamén o Campionato do Mundo e Europeo de Láser Radial Xuvenil que se veu celebrando en Largs (Escocia) ao longo da última semana.

Este mundial distinguiuse pola climatoloxía, días sen vento, ventos de suaves a fortes, moi rolones e cambiantes e moito, moito frío. "Parecía que estabamos en Nadal, ceos negros, moito frío e chuvia. Foi moi difícil, chegabamos a porto conxelados. Os días soleados non pasabamos de 13º" nos conta Beatriz Lence. O venres, último día das series de clasificación foi un bo día para Álvaro que conseguiu 3º, º7º e 49 remontando da posición 117 á 58. Pola súa banda Beatriz, no grupo das rapazas, fixo un 32 e dous 14 ao subir o vento e custarlle máis levar o barco. Os dous clasifícanse no grupo ouro.

Campionato do mundo de Cadete en Polonia
No Campionato do Mundo que estes días e ata o próximo sábado se celebra en Puck (Polonia), a selección de vela Caixanova tampouco está a pasar indiferente. No grupo ouro dous galegos con moitas opcións, Luis Bugallo e Alejandra Celada, cun total de 80 barcos en liza, de 13 nacionalidades distintas. Na promoción prata, con 70, Ana Rivas e Javier de la Gándara. Programados dous triángulos simultáneos, as condicións mantíñanse cun vento de terra racheado. Como antesala á xornada de descanso de mañá, hoxe corréronse tres probas moi apuradas por parte do comité posto que ventou pouco o que non favoreceu os galegos en competición. Se ben, os mellores posto da delegación de Galicia corresponden a Luis Bugallo que se move entre o décimo posto. Celada pola súa banda encóntrase hoxe por debaixo da metade da táboa, e o grupo prata De la Gándara vai décimo sétimo e Rivas ocupa a praza 23. Con mellores previsións en canto ao vento, os integrantes da selección galega de vela esperan seguir recortando posicións nas xornadas que restan.

Campionato do mundo de 420 en Israel
Xornada de descanso para o Campionato do Mundo da clase 420 que estes días se celebra en Haifa (Israel). A selección galega de Vela Caixanova, formada polas viguesas Neves Lorente e Alejandra Suarez Nieves, e o tándem do Real Club Náutico de Vigo-Liceo Casino de Vilagarcía, Nicolás Rodríguez e Sergio Crespo, retomarán mañá a competición co obxectivo de mellorar as xornadas previas e poder clasificarse no grupo ouro.

Clasificación Absoluto

Clasificación Feminino

Clasificación Junior

Fonte: Federación Galega de Vela

 

Vistas:  339

© Secretaría Xeral para o Deporte - Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 601 Fax: 981 542 636